Thursday 18 de April de 2024

Dúas empresas de Mazaricos beneficiaranse de máis de 293.000€ das axudas de transformación de produtos agroalimentarios


Rodeiro destacou que estas achegas permiten ás empresas medrar e aumentar a súa capacidade produtiva para ser máis competitivas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas da Consellería de Medio Rural para o Concello de Mazaricos para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Este tipo de axudas consisten en subvencións a fondo perdido para realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas na comunidade destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios. Neste senso, Ovidio Rodeiro destacou “o importante deste tipo de achegas é que van encamiñadas a facer que as nosas empresas do rural amplíen a súa capacidade produtiva e sexan moito máis competitivas”. O delegado territorial puntualizou que “estas axudas son unha gran oportunidade para que as nosas empresas poidan seguir medrando e mellorando as súas instalacións, unha peza clave para garantir o seu futuro”.

O delegado territorial informou que no 2019 se beneficiaron destas axudas 27 empresas de toda a provincia da Coruña e recibiron achegas por valor de 8,7M€.

Na comarca do Barbanza foron 2 as empresas de alimentación animal beneficiadas por estas axudas no Concello de Mazaricos que recibiron 293.630 euros e mobilizaran 838.945 euros para facer obras de ampliación e mellora das súas instalacións.